luns, 30 de setembro de 2013

Bos e malos

Se no último post falabamos dos contrastes que me agardan na miña educación, a semana pasada puiden comprobar que os contrastes son moi palpables dentro da miña escola.

Primeiro descubrin que a miña profe Bea leva un BLOGUE onde conta todo o que facemos na clase!! Bea traballa moito: grazas a ela, agora mamá e papá poden ver fotos de todas as cousas que facemos na clase, comentalas comigo cando chego a casa, ou seguir o horario que temos en clase. 



Teño a mellor profe do mundo!!!

En cambio, esa mesma semana papá atopou un agasallo inesperado na miña bolsa da merenda ao chegar a casa: outra 'enquisa do galego'. Que pesaos!!

Papá estaba que botaba pestes porque para os malos do cole (que en concreto non están no cole, senón algo máis arriba) o galego é un problema e así lle chaman: "el problema del gallego". Pero que sigan con estas lerias agora ás agachadas, na bolsa da merenda e sen decir nada... tómannos por parvos? Supoño: se non nos tomasen por parvos, non se entendería que o mesmo discurso que usan contra o galego non o usen para decir "o inglés e o chinés son útiles e cada día máis imprescindibles, deberíamos deixar de falar español, esto de que os nenos teñan que estudialo é un problema".

Déixovos aquí os contidos da famosa enquisa para que opinedes. De paso, poidades axudarme a entender o que puxo papá en "comentarios", no punto 12. Non o entendo!!


ENQUISA

"Entregamos esta enquisa para recabar datos e poder establecer a lingua predominante entre o alumnado do centro"

1.- Que língua usa voso fillo/a?
2.- En que língua aprendeu a falar?
3.- Que língua se fala habitualmente na vosa casa?
4.- O seu fillo mostra boa disposición á hora de utilizar o galego? (ein?)
5.- Valore dacordo - indiferente - en desacordo:
a) o galego é unha língua axeitada para os videoxogos (ein?)
b) a adquisición de dúas ou máis linguas enriquece
c) gustarianos que o noso fillo recibise máis clases en galego (menos non pode...)
d) en galicia o galego é útil (acabáramos)
e) en galicia debería usarse máis o galego (só pido que non nolo poñan máis difícil grazas)
6.- Cal é a língua dos avos maternos?
7.- Cal é a língua dos avos paternos?
8.- cal é a língua habitual da nai?
9.- Cal é a língua habitual do pai?
10.- En que língua lle falan maioritariamente ao seu fillo outras persoas próximas (tíos etc)
11.- Só para o alumnado de 5º: no caso de que o seu fillo fora galegofalante ou empregara maioritariamente esta lingua ao comezar a escolarización pasou de falar galego a usar agora máis o castelan?
En caso afirmativo cando ocorreu (garderia - educación infantil - primaria)
12.- Quere facer algún comentario adicional?
-----> SODES UNS CÍNICOS

Ningún comentario:

Publicar un comentario