martes, 17 de decembro de 2013

Bo Nadal

Hoxe podía ter adicado o post a contarvos que a progresión que vos contaba hai quince días continúa, que despois de almorzar leite todas as mañás, os "la leche me gusta mucho!" xa están aqui... Pero mirade, é nadal e estou moi contento. Porque é nadal, claro, pero tamén por isto:



Xa sei escribir o meu nome na parede!!! (vale, papa axudoume un chisquiño có 'xis', pero o resto é colleita miña, eh!).

Este blogue estará de vacacións unhas semanas, que penso pasar un nadal e reis magos de medo!! Así que desexovos boas festas de parte de Anxo e Pablo. Moitos bicos!!


martes, 10 de decembro de 2013

Picasso

Encántanme as pinturas. É o meu xoguete favorito, xunto coas pegatinas, e os puzzles, e a moto, e os contos, e os castillos, e os coches, e o chocolate. Bueno, o chocolate non é un xoguete, me creo...

No cofre do tesouro do meu cumpreanos había pinturas. Tamén había unha libreta para pintar coas pinturas, pero a min pareceume mellor idea estrealas na parede do pasillo de casa. A papá ocorreúselle entón que mellor sería que Pablo e máis eu tiveramos unha parede pra nós sós, así non andariamos pola casa pintando arriba e abaixo. Non fai falla que vos diga o trabucado que andaba o home...

Primeiro, costounos afacernos á idea: unha semana despois de ter licencia pra pintar a parede da nosa habitación ao noso xeito, a parede seguía impoluta. Se che deixan non ten graza, meus!! Cando por fin nos animamos, quedounos unha obra de arte digna do mesmo Picasso!! (eso di mamá, eu non sei quen é o picaso ese).



Mais axiña aburrímonos de pintar na mesma parede. O meu talento artístico esixe non poñerlle cancelas!! En canto mamá ou papá dan a volta, alá vou eu pintar as portas, o chan, as chaves da luz, os mobles... o que se poña por diante!!

Hoxe papá dixo que se acabaron as pinturas na casiña. Así non sei como pretende que saia de min o Picasso que levo dentro...  

martes, 3 de decembro de 2013

Spanish 2.0 - 40% installment completed

O meu galego está xa bastante desdibuxado, e o proceso acelerouse nos últimos días. Vai ser mellor que vaia escribindo este artigo canto antes, porque tiña pensado escribilo hai 15 días, cando meu cumpreanos, e titulalo "Spanish 2.0 - 25% completed"...




Na semana do meu terceiro cumpreanos o galego aínda era con diferencia o dominante na miña fala. Tanto, que papá pensaba que igual podía botar todo primeiro curso da escola infantil sen perder o galego de todo. Agora di que non chego nin a aninovo... Veremos. 

Daquela os efectos máis notables estaban limitados ao sempre presente "yo quiero". Na lingua dun neno de 3 anos boa parte das frases do día empezan con esas dúas palabras. Así que ata entón parecía que falaba un galego raro ao meterlle ese yo quiero. Xa había outras cousas, como vocabulario novo traído do cole, ou que na colocación dos pronomes gaña sempre a opción do español (me caín). Pero como en galego moitas veces tamén se di así, non empezou a ser moi evidente ata que chegaron outras novidades.

Algunhas incluso tardaron en asentarse. Vocabulario que hai tempo aprendin en galego, como os nomes dos animais ou das partes do corpo, dificilmente os sustituía ao coñecer os novos nomes en español. Así, vexo os debuxos da abella maya en clan e teño máns e pés, faltaría máis! Pero as cousas están mudando rápidamente estas últimas semanas. As novidades máis salientables son: 

- o diptongo -ie voltou dominante: bien, también. Xa teño pies e dientes, como dios manda!
- van desaparecendo fonemas típicos do galego: -aix, -eix (bajar, dejar); ch- (llego, lloro, llave); x- (jugar, laranja); -ñ (tengo, vengo). Algúns sobreviven, como -eit, -oit (leite, moito, oito), pero a este paso non han tardar en marchar.
- o que máis está avanzando últimamente: desfacer conxuncións tipo 'có', 'cós' para decir "coidado con o can". Ou, como os artigos -la -lo hai tempo que xa están tamén aqui, frases como "coidado con lo leite!" xa son habituais.
- e, por suposto, o -ito -ita en vez do enxebre -iño -iña. Pero das estrellitas e mochilitas falaremos outro día.

O galego segue sendo a base da miña fala, pero xa moi desdibuxado. Teño vocabulario e formas do español suficientes como para que me escoitedes soltar de corrido "yo también quiero jugar con los niños!".

O malo é que como eu deixo de falar galego, algúns que me falaban sempre en galego van facendo esa cousa tan típica nosa de cambiar de lingua vai e ven do galego ao castelán e volta ao galego e tumba e dalle e claro, eu só teño 3 anos e estou aprendendo, eses xogos coa língua están ben cando un fala ben as dúas, pero misturalas agora a min despístame moito mucho moito!

De todos xeitos, eu vouno levando ben. Peor o leva papá, nótaselle. Hoxe levou unha alegría coa cousa esa do informe PISA: os nenos de Galicia, Euskadi e Catalunya, por falarmos dúas linguas, lonxe de falalas peor como din os de sempre, falamos mellor incluso o español do que o falan os nenos de España. Papá di que ese é o camiño, que non lle dea importancia e non me preocupe (papá, eu non me preocupo, teño 3 anos, quen se preocupa es ti, lembras?), que falar o galego na casa e ter contacto có portugués e o inglés (do español xa se encargan todos os demáis no cole e na tele), é o mellor para ser un campeón!

Pero pouco lle durou a alegría. Pola noite, o noticiario-documentario da telegaita puxo ao conselleiro de heducazión da Xunta decindo que os resultados do informe ese demostraban que a política trilíngüe da Xunta funciona (trilingüe? ah, como a alcaldesa de Madrí!?).Papá empezou a patadas coa tele e mamá tivo que apagala correndo. Papá é un tolo!!