luns, 16 de setembro de 2013

O pintinho e o pollito

Mamá e papá sempre tiveron claro que Pablo e máis eu deberiamos tomar contacto desde pequenos con múltiples linguas e sotaques. Non tanto para aprender moitas linguas (somos pequeniños, non nos dá a cabeza para tanto!) como para que vexamos a diversidade lingüística como algo natural. Despois de todo, imos ter que acostumarnos a un entorno onde moita xente non fala a mesma língua que na casa!

En próximos artigos contareivos máis casos desa diversidade, pero está claro cal foi a primeira nas nosas vidas: a Galinha Pintadinha!!


Coa Galinha aprendimos a falar. Non esaxero! Primeiro faciamos palmas e deciamos 'popós' por galiñas, 'plin plin' por piano e 'allallán' pola guitarra, porque eses eran os sons que os acompañaban nalgúns dos videos. Pero axiña aprendimos a falar galego como o falan lonxe moi lonxe, no Brasil: os números con Mariana, as cores có coelhinho da Pascoa, os instrumentos musicais có Mestre André ou, por suposto, o nome de todos os animais: a borboletinha, a formiguinha, o can, o gato, a xirafa, os elefantes, os morcegos, o sapo cururú (que é o favorito de papá!!), o caranguexo e, por suposto, o PINTINHO AMARELINHO!!!


Mamá sempre conta que cando case non sabía nin falar, sabía pedir música cun dos meus primeiros xestos: poñer o dedo índice na palma da outra man, como no video do pintinho!! Por iso faime moita graza que hoxe Pablo, que tamén apenas fala, cando quere ver videos fai o mesmo aceno!!

Onte papá estaba moi contento: el e máis eu estivemos vendo o último video que acaban de publicar: o pintinho está de cumpreanos!! Cantámoslle 'parabéns, parabéns, parabéns' toda a noite!! 

Hoxe, en cambio, cando cheguei do cole, deume a impresión que papá non se puxo tan contento:

- Anxo, que fixestes no cole?
- Pintar!!
- E que pintastes?
- Un POLLITO!!

3 comentarios:

  1. Que emoción!!!!!. A nosa crianza (17 meses) tamén anda coa Galinha pintadinha.Os galegos temos un filón de material tamén a través da vía Portugal-Brasil. Pero é que, en música, mesmamente e sen saír da casa:A nena é o grilo, María Fumaça, Bikos de música, Os soños na gaiola, ..... Contos hai mais do co noso neno le..... só cos Bolechas.... Os contos editados en Por-Bra pódenselle ler no noso galego sen nengún problema.En definitiva o problema non é de falla de material o problema é de VONTADE. Noraboa polo Blog dende Sada. Belén e Miguel. Bikos pra Anxo

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas Belén e Miguel. A Anxo e Pablo encántalles a música, desde música de nenos a Bowie, así que xenial!! As recomendacións que facedes (A nena é o grilo, María Fumaça, Bikos de música, Os soños na gaiola) están no youtube? Pregunto pq por exemplo bicos de música non o atopo, e algún outro non me sae moita cousa tampouco.

    Saúdos!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Bicos de música é de Mama cabra: http://mamacabra.wordpress.com/cancions-para-baixar/
      Do resto dos discos hai cancións soltas no youtube. De todos os xeitos normalmente ven CD e DVD con outros materiais didácticos.
      Se non vos podedes facer con eles (libraría Couceiro - Praza do libro) gostosos en pasarvos copia.
      PS.- Outro disco "Na punta do pé" (xenial!!)

      Eliminar