luns, 9 de setembro de 2013

Eu son...

... Anxo. Un neno d'A Coruña. Coma quen dis, un galegofalante máis. Pero non por moito tempo. 

Porque, ainda que teño case 3 anos e xa sei os números (un, dous, tres catro, cinco...) as cores (amarelo - yellow, branco - white, azul - blue) ou os animais (o can, a ovella, a xirafa e o porquiño), hoxe fun ao cole por primeira vez. E iso, na Galicia de 2013, significa que durante alo menos os próximos tres anos non teño dereito a unha educación na miña língua. Todo o que me aprenderán aprenderanmo en español. Todo. Disque ten que ver coa miña liberdade, pero eu non o entendo. Non sei, o mellor cando sexa maior.

Na miña casa meus pais, meus avós d'A Coruña e meus avós de Pontevedra, meus tíos e toda a miña familia seguirá falándome galego, i eu, por un tempo, tamén lle falarei galego a Pablo, meu irmán pequeno, que ten só un aniño e medio e xa empeza a decir cousiñas como mamá, papá, can, avó ou ogú (quere dicir iogur pero aínda non fala ben de todo!). Pero, aos poucos, o entorno, a escola, a TV (prometo ver só un pouquiño!) e os demáis nenos farán que deixe de falar galego.

Se queredes, durante os vindeiros meses poderedes ver como acontece. Vémonos no meu blog: Eu son Anxo.

4 comentarios:

  1. Pois que vaia para a sementecompostela.com !!

    ResponderEliminar
  2. Que máis quixera! Pero Compostela caeme un tanto lonxe... Se montades unha Escola Semente na Coruña dígolle a papá que vou!!

    ResponderEliminar
  3. As Sementes som projetos autogestionados, só se precisa um grupinho promotor de maes e pais e algumha gentinha trabalhadora e muito, muito trabalho e colaboraçom e participaçom social... Só se precisa crer em nós e ir superando os obstáculos que se ponhem no caminho, que som muitos, começando polos económicos. Mas é possivel! Nom podemos esperar por ninguém. Cumpre decidir se nos resignamos a que as nossas filhas e filhos perdam a língua própria ou se queremos fazer algo nós própri+s para evita-lo. Nom há soluçons mágicas e o modelo da Semente está botando a andar mas se a escola de 2 a 6 é em galego e se intervém metodologicamente no caminho da língua Anxo nom teria problemas em ser galego-falante na Corunha. E mesmo as nenas e nenos castelám-falantes podem adquirir o galego com naturalidade, aprendendo-a nom só da profe senom tamém entre iguais. O caminho é duro, muita militáncia, muito trabalho coletivo, criaçom de rede social e, por suposto, muita ilusiom. Gente da Corunha, adiante, vós podedes. Vigo já está nesse caminho! ; )

    ResponderEliminar
  4. Aqui está o blogue da Semente, onde podedes olhar nenos e nenas galego-falantes, e tamém castelám-falantes num proceso de imersiom lingüística que si, está dando frutos. Estamos a procurar o nosso próprio modelo entre muita gente, e comprender que isto é possível com a participaçom de gente com o mesmo interesse, a educaçom d+s nossas filh+s, aínda que sejamos diferentes em muitas cousas, é fácil quando se ve na prática, no dia a dia. Construímos no presente. Nom nos resignamos porque podemos cambiar as cousas com projetos coletivos, de base, populares, autogestionados, de qualidade, sociais...
    http://sementecompostela.com/index.php/category/blogue/

    ResponderEliminar