martes, 17 de decembro de 2013

Bo Nadal

Hoxe podía ter adicado o post a contarvos que a progresión que vos contaba hai quince días continúa, que despois de almorzar leite todas as mañás, os "la leche me gusta mucho!" xa están aqui... Pero mirade, é nadal e estou moi contento. Porque é nadal, claro, pero tamén por isto:



Xa sei escribir o meu nome na parede!!! (vale, papa axudoume un chisquiño có 'xis', pero o resto é colleita miña, eh!).

Este blogue estará de vacacións unhas semanas, que penso pasar un nadal e reis magos de medo!! Así que desexovos boas festas de parte de Anxo e Pablo. Moitos bicos!!


martes, 10 de decembro de 2013

Picasso

Encántanme as pinturas. É o meu xoguete favorito, xunto coas pegatinas, e os puzzles, e a moto, e os contos, e os castillos, e os coches, e o chocolate. Bueno, o chocolate non é un xoguete, me creo...

No cofre do tesouro do meu cumpreanos había pinturas. Tamén había unha libreta para pintar coas pinturas, pero a min pareceume mellor idea estrealas na parede do pasillo de casa. A papá ocorreúselle entón que mellor sería que Pablo e máis eu tiveramos unha parede pra nós sós, así non andariamos pola casa pintando arriba e abaixo. Non fai falla que vos diga o trabucado que andaba o home...

Primeiro, costounos afacernos á idea: unha semana despois de ter licencia pra pintar a parede da nosa habitación ao noso xeito, a parede seguía impoluta. Se che deixan non ten graza, meus!! Cando por fin nos animamos, quedounos unha obra de arte digna do mesmo Picasso!! (eso di mamá, eu non sei quen é o picaso ese).



Mais axiña aburrímonos de pintar na mesma parede. O meu talento artístico esixe non poñerlle cancelas!! En canto mamá ou papá dan a volta, alá vou eu pintar as portas, o chan, as chaves da luz, os mobles... o que se poña por diante!!

Hoxe papá dixo que se acabaron as pinturas na casiña. Así non sei como pretende que saia de min o Picasso que levo dentro...  

martes, 3 de decembro de 2013

Spanish 2.0 - 40% installment completed

O meu galego está xa bastante desdibuxado, e o proceso acelerouse nos últimos días. Vai ser mellor que vaia escribindo este artigo canto antes, porque tiña pensado escribilo hai 15 días, cando meu cumpreanos, e titulalo "Spanish 2.0 - 25% completed"...




Na semana do meu terceiro cumpreanos o galego aínda era con diferencia o dominante na miña fala. Tanto, que papá pensaba que igual podía botar todo primeiro curso da escola infantil sen perder o galego de todo. Agora di que non chego nin a aninovo... Veremos. 

Daquela os efectos máis notables estaban limitados ao sempre presente "yo quiero". Na lingua dun neno de 3 anos boa parte das frases do día empezan con esas dúas palabras. Así que ata entón parecía que falaba un galego raro ao meterlle ese yo quiero. Xa había outras cousas, como vocabulario novo traído do cole, ou que na colocación dos pronomes gaña sempre a opción do español (me caín). Pero como en galego moitas veces tamén se di así, non empezou a ser moi evidente ata que chegaron outras novidades.

Algunhas incluso tardaron en asentarse. Vocabulario que hai tempo aprendin en galego, como os nomes dos animais ou das partes do corpo, dificilmente os sustituía ao coñecer os novos nomes en español. Así, vexo os debuxos da abella maya en clan e teño máns e pés, faltaría máis! Pero as cousas están mudando rápidamente estas últimas semanas. As novidades máis salientables son: 

- o diptongo -ie voltou dominante: bien, también. Xa teño pies e dientes, como dios manda!
- van desaparecendo fonemas típicos do galego: -aix, -eix (bajar, dejar); ch- (llego, lloro, llave); x- (jugar, laranja); -ñ (tengo, vengo). Algúns sobreviven, como -eit, -oit (leite, moito, oito), pero a este paso non han tardar en marchar.
- o que máis está avanzando últimamente: desfacer conxuncións tipo 'có', 'cós' para decir "coidado con o can". Ou, como os artigos -la -lo hai tempo que xa están tamén aqui, frases como "coidado con lo leite!" xa son habituais.
- e, por suposto, o -ito -ita en vez do enxebre -iño -iña. Pero das estrellitas e mochilitas falaremos outro día.

O galego segue sendo a base da miña fala, pero xa moi desdibuxado. Teño vocabulario e formas do español suficientes como para que me escoitedes soltar de corrido "yo también quiero jugar con los niños!".

O malo é que como eu deixo de falar galego, algúns que me falaban sempre en galego van facendo esa cousa tan típica nosa de cambiar de lingua vai e ven do galego ao castelán e volta ao galego e tumba e dalle e claro, eu só teño 3 anos e estou aprendendo, eses xogos coa língua están ben cando un fala ben as dúas, pero misturalas agora a min despístame moito mucho moito!

De todos xeitos, eu vouno levando ben. Peor o leva papá, nótaselle. Hoxe levou unha alegría coa cousa esa do informe PISA: os nenos de Galicia, Euskadi e Catalunya, por falarmos dúas linguas, lonxe de falalas peor como din os de sempre, falamos mellor incluso o español do que o falan os nenos de España. Papá di que ese é o camiño, que non lle dea importancia e non me preocupe (papá, eu non me preocupo, teño 3 anos, quen se preocupa es ti, lembras?), que falar o galego na casa e ter contacto có portugués e o inglés (do español xa se encargan todos os demáis no cole e na tele), é o mellor para ser un campeón!

Pero pouco lle durou a alegría. Pola noite, o noticiario-documentario da telegaita puxo ao conselleiro de heducazión da Xunta decindo que os resultados do informe ese demostraban que a política trilíngüe da Xunta funciona (trilingüe? ah, como a alcaldesa de Madrí!?).Papá empezou a patadas coa tele e mamá tivo que apagala correndo. Papá é un tolo!! 

sábado, 30 de novembro de 2013

Outono bonito

Hoxe fomos de excursión. Papá pasou todo o día decindo que íamos á neve. Queremos ir á neve! Facermos un boneco de neve, con sombreiro e nariz de cenoura! Beeennn!!!

Chegamos a Ancares, nin neve nin farrapo de gaita. Este papá non é de fiar.

Menos mal que eu sonvos doado de contentar, o val no Navia estaba precioso de outono, coa néboa e as follas marelas nas árbores ou caídas no chan. Asi que se non había neve, cando menos animamos a viaxe coa canción do outono que me gusta moito:

OUTONO BONITO, FOLLIÑAS NO CHAN
CASTAÑAS ASADAS... QUE RICAS ESTÁN!!

Fomos xantar a Meiroi, un caserío agochado nos Ancares onde crían vacas ecolóxicas ou disque algo así, porque eu non entendo que vacas poden haber que non sexan ecolóxicas. Todas comerán herba, non? Vamos, digo eu, non sei. O restaurante ten moita sona pero hoxe só estabamos nós, igual que en Navia de Suarna, que se non hai festa da androlla ou algo cada día está máis bonito pero cada día menos xente. 

Papá entón soltou o discurso dos galegos e o "complexo de aldea". Todo é culpa do complexo de aldea, di el. Desde o abandono do rural a que no meu cole non nos ensinen galego. E que a ver se pasa unha xeneración por riba e aos novos pijos de aldea e aos vellos paletos de cidade lles suceden novas xentes con menos parvada encima...

E tumba e dalle o tío. Tenme a cabeza quente con ese rollo. Papá, ti que, non tiñas un blog? Pois solta alí os teus discursos e deixa de darme a brasa, pesao! Que así calquera, el a comer xabarín club con castañas no Meiroi, e nos a cantar cancións de outono sen neve e aturar as súas lerias. Menos mal que son un cacho de pan, que sino...

venres, 22 de novembro de 2013

Festa de cumpreanos!!

Papá é un inxénuo...

Hoxe é o meu cumpreanos. Xa teño 3 anos!! Papá leva toda a semana organizando unha festa sorpresa. Pensa que non o sei, o moi pailán. Estivo preparando todo para que mañá, na finca dos avós, imos xogar a buscar o mapa do tesouro, como fai Dora Exploradora nun capítulo que me gusta moito. Pero mañán é mañán e o meu cumpre é hoxe.

O que papá non sabe é que eu sei que hoxe, ademáis do meu cumpreanos, hai 3 anos que papá é papá. Por iso, prepareille unha festa sorpresa... Onte pola tarde fun xogar có tío Iván. Rematei tan canso tan canso, que ás 7 da tarde caín rendido de sono. Enganchei a sesta coa noite, e seguín durmindo. Entón empezou a festa. 

Pablo abríu lume: ás 12 da noite, espertou, marchou da cama, e comezou a festa na casa. Non quería durmir, tiña gañas de xogar!! Xogou na cama de mamá e papá ata a unha da mañá que non aguantou máis. Entón era o meu turno. Levaba 6 horas de siesta, coma quen dí. Xa non tiña máis sono. Fun buscar a papá a cama: "papá, non quero durmir, teño fame...".

Pasámolo de medo. Saquei a papá da cama a unha da mañá,. ata as 3 que estivemos ceando e mirando pola ventá mentras papá me explicaba: 

- "Ves Anxo, é noite; non hai xente pola rúa, non hai coches, están todos durmindo... Imos a cama a durmir?".

- "Non. Xogamos ós castillos? Facemos un puzzle?".

Así ata case as 3 da mañá que volvín durmir. Logo as 6 da mañá decidín reenganchar, porque como levaba 6 horas de siesta e outras 3 de durmida, como que xa me chegaba abondo. Así que festa: ás 6 todo o mundo en pé que é o meu cumpreanos!!

Menudo fiestón sorpresa lle din a papá. Pasámolo de medo!!

venres, 15 de novembro de 2013

Contos enCantos

O meu cole está xenial, pero non todas as cousas que aprendemos os nenos as aprendemos no cole!! O outro día conteivos que a festa do Samaín do barrio a organizaban a catro entre o meu cole, a asociación de veciños, a biblioteca e o centro cívico do barrio. Pois hai máis...

Pablo e máis eu fomos onte ao contacontos que organiza a biblioteca do barrio: Contos enCantos. É para nenos pequeniños coma nós: cantamos cancións, lemos contos con outros nenos e os papás dos nenos, e un paxariño, Ole, que vive nunha árbore na biblioteca e é moi amigo noso cóntanos as cousas que lle gusta facer!! Ole tamén fala galego, sabíades?!

Aqui vos deixo unha foto do contacontos. Non é do que fomos nós onte (saqueina de AQUI), pero así coñecedes a Ole!




Cada quince días hai Contos enCantos no barrio. Onte pasámolo moi ben e habemos de voltar!!  

luns, 4 de novembro de 2013

Jalowin Samaín

O mércores celebramos o Samaín no barrio. Papá di que o que máis lle gustou é comprobar que hai xente que traballa por facer cousas xuntos e desinteresadamente, a pesar de como está o patio: a festa organizouna o meu cole, a asociación de veciños, a biblioteca e o centro cívico do barrio, entre os 4. A min o que máis me gustaron foron as cabazas e as velas de cumpreanos. Había moitas!!



Di papá tamén que o peor son os que andan a rosmar que o Samaín é un invento pra non dicir que celebramos Jalowin. Eu lle digo 'papá, que máis ten? Aos nenos gústanos o Samaín!" e el di que non é certo, que o Samaín é antes que o Jalowin, que o Jalowin o levaron a América os irlandeses, e eu lle digo "papá, aos nenos gústanos o Samaín!" e el di que ademáis, eses lorchos, que aos seus fillos lles leven xoguetes o gordinflón da coca-cola non din "ay, no, por dios! que eso es un invento!!" i eu lle digo "papaaaaa, que aos nenos gústanos o Samaín!!!" i el di que aquí decorabamos cabazas moito antes de que chegaran as pelis americanas, o que lles joroba é que teñamos tradicións propias, i eu lle digo

PAPÁ, PESAO!! Aos nenos gústanos o Samaín, non o Jalowin. O Jalowin é este!!: