domingo, 20 de outubro de 2013

Papá é Bárcenas

Hai agora mes e medio que comecei a ir ó cole e, ao tempo, que comecei a escribir este blogue. Tamén hai agora xusto un mes que estou indo ao cole a diario a tempo completo, ata despois de comer. É tempo de recapitular os efectos de mes e medio de escolarización 100% en español.

O certo é que, de momento, falo un galego máis que bó. Froito dos meus anos na escola infantil os únicos rasgos casteláns na miña fala (ben consolidados, eso si) eran 'yo', 'mio' e 'rojo'. Son as únicas palabras que digo sempre en español, aínda que rojo sei que tamén é vermello e red. Papá di que ten escoitado nenos en Navia de Suarna, 100% galegofalantes, decir "yo tamén quero ir á festa!". Eu empezo a falar un pouco así tamén.

Desde que empecei no cole houbo poucos efectos. Os principais, algúns verbos (tengo, voy), os artigos la/lo que empezo a mesturar con palabras en galego (la galiña, lo conto) ou o vocabulario novo que aprendín alí, tipo 'la mochilita' (a leria esa de aprendernos 'cositas' en lugar de 'cousiñas' dá para un post enteiro). A sustitución de vocabulario de momento vai lenta. O máis clásico é que as fins de semana 'xogo cós xoguetes' e o luns xa estou 'jugando con los juguetes' outra vez. Tamén empezan a soar moi mal algunhas palabras con 'j' metidas no medio de parrafadas en galego, como bajar - baixar, jugar - xogar, e outras.

O certo é que a maioría das palabras que empezo a sustituir aínda non se impoñeron. Por exemplo, rara vez digo animais como conejo, case sempre coello, ou gallina, por galiña. E así con todo. Pero, como cada vez veño con máis palabras en español que sempre dixen en galego, papá hai días que se pon todo tolo. O venres baixamos a Pontevedra, a casa dos avós. Eu dixen "ben!!" e papá preguntou "quen está en Pontevedra?" -"los abuelos!!" dixen eu. Papá púxose todo tolo. "Abuelos? Que abuelos? Levas toda a vida chamándolle avó e avoa e vesme agora cós abuelos?? A ti carallo un día no colexio dinche que tu papá es Bárcenas e xa se che vai esquecer quen son, home!!"

Non me gusta nada cando papá se pon todo tolo, non entendo o que di. E non me gusta que diga palabras feas, que logo as repito eu, carallo!!  

4 comentarios:

  1. Eu vin nenas galegofalantes de cativas, castelanfalantes de adolescentes, e volver a galegofalantes ao chegar a mozas.

    ResponderEliminar
  2. http://www.galizacogalego.com/inicio

    ResponderEliminar
  3. Galiza co Galego é unha asociación sen ánimo de lucro que está intentando crear unha rede de escolas en galego. De momento abriuse unha en Narón [Escola Infantil Avoaescola Ferrolterra]. Non é doado porque pese a ter apoio social, non hai aínda suficientes socios.

    ResponderEliminar